Monday 20 de May de 2024

Gonzalo Muíños: “agardo que todos os membros da corporación, presentes ou ausente, fagamos todo o que estea na nosa man para evitar o peche da farmacia de Marrozos”


Foi na primeira sesión ordinaria do pleno da Corporación na que o PSdeG levou a votación unha moción para evitar o traslado da farmacia de Marrozos ao Castiñeiriño “desatendendo a 6.000 veciñas e veciños da zona para mudarse a unha localización na que xa hai 5 farmacias”

Os socialistas critican que o concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente se ausentase do debate desta moción ao ser el o propietario da nave na que se pretende instalar a farmacia: “agradecemos o voto a favor do PP pero eles mellor que ninguén saben que está na súa man, na do seu concelleiro, evitar esta actuación”.

O salón de plenos foi hoxe o escenario da primeira sesión ordinaria do mandato na que os socialistas buscaron o apoio do resto de forzas para instar ao Colexio Oficial de Farmacéuticos e á Xunta de Galicia a estudar e autorizar o traslado da farmacia de Marrozos. Un apoio que conseguiron por unanimidade, agás pola ausencia dun concelleiro do Partido Popular: José Ramón de la Fuente, que tivo que ausentarse do debate plenario neste punto ao ser el mesmo o propietario da nave á que se pretende efectuar o traslado.

“É revelador que no primeiro pleno da nova corporación, un concelleiro do Partido Popular teña que ausentarse e non poida votar a favor do sentir maioritario da veciñanza que se ve damnificada por esta actuación que responde, aparentemente, intereses empresariais” criticou o portavoz dos socialistas que, insistiu na idea de que “ese concelleiro que hoxe non votou pode evitar que esta farmacia se mude a un local da súa propiedade desatendendo a preto de 6.000 persoas”.

E é que esta botica presta servicio tamén á veciñanza do Eixo, de Aríns, de San Breixo de Sergude, en Boqueixón e San Xián de Sales e San Fins de Sales, en Vedra. Os socialistas esgrimían que, segundo a Lei 3/2019 de 2 de xullo de ordenación farmacéutica de Galicia sinala no artigo 41 que “non se autorizará o cambio de ubicación cando, de ser autorizado, se producira un detrimento grave do servizo farmacéutico na zona na que se sitúa a oficina de farmacia”. Algo que, denuncian, é o que ocorrería con esta operación.

A farmacia levaba 45 anos na ubicación actual, e tan só unha semana despois de pasar a un novo propietario o 21 de decembro do 2022, solicitou o traslado a unha nave no Castiñeiriño, onde xa hai 5 farmacias. Precisamente o calendario desta operación, explicou a concelleira Marta Álvarez no pleno que é o que “nos fai sospeitar que a estratexia do comprador é facerse cunha farmacia a baixo custe e solicitar inmediatamente o seu traslado”.

Finalmente a moción foi votada por puntos, contando en todos eles coa voto a favor do Partido Popular, aínda coa ausencia do seu concelleiro propietario da nave. Muíños agradeceu o apoio esperando, asegurou “que todos os membros da corporación, presentes ou ausente, fagamos todo o que estea na nosa man para evitar o peche da farmacia de Marrozos”.

Imaxe do momento da votación // Imaxe da cadeira baleira do concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente

A Casa da Xuventude: “Queren rehabilitala como prometeu a señora Rozas ou facer o galpón de Goretti?”

Outra das cuestións que se levaron a debate plenario foi o acordo que o goberno de Sánchez Bugallo deixara formalizado coa Deputación de A Coruña polo que a institución provincial pasaba a financiar o 74% do custo da rehabilitación do inmoble. Unha actuación que supón unha inversión de 1,4 millóns de euros.

Logo de que o goberno bipartito solicitase unha prórroga de 3 meses para formalizar a cesión do inmoble, a concelleira Mercedes Rosón preguntou no actual pleno polos plans do goberno actual para a rehabilitación do inmoble, xa que os dous partidos que o conforman teñen posicións enfrontadas ao respecto: “queremos saber se se vai a rehabilitar como a señora Rozas prometeu ás asociacións usuarias ou si se vai a tirar para facer o ‘galpón de Goretti’, tal e como o cualificou a que agora é a primeira tenente de alcaldesa” afirmou Rosón.

Finalmente, a moción coa que se instaba a dar continuidade ao acordo de cesión do inmoble e que supón unha subvención de un millón de euros para a súa rehabilitación contou co voto en contra o Partido Popular, e do BNG e CA que rexeitaron posicionarse ao respecto dos seus plans “para unha dotación municipal nun avanzado estado de deterioro que vai a máis mentres non se tome unha decisión final”.